Saturday 27 de April de 2024

Paderne concreta a reforma integral de tres decantadoras á espera de avances con Infraestruturas para a futura EDAR no Porto


 O Concello investiu 47.512,17 euros na posta a punto das instalacións, situadas en San Pantaleón en Souto

 Cambiouse o sistema de filtrado e os motores para mellorar o sistema de verteduras, ademais de cementar e pechar a súa contorna

 “A nosa ambición é construír a depuradora e foi un tema que retomamos. Pero é un proxecto embrionario, que require tempo. E mentres tanto, non podemos estar de brazos cruzados”, apunta o alcalde, Sergio Platas

O Concello de Paderne vén de concretar a reforma integral de tres decantadoras municipais para mellorar o sistema de verteduras no municipio. Trátanse, concretamente, dunha instalación construída en San Pantaleón e outras dúas ubicadas en Souto que se atopaban en mal estado.

Os traballos de mellora consistiron no peche perimetral e cementado da súa contorna, ademais da substitución dos motores e do sistema de filtrado para evitar as verteduras impuras, pois a esas instalacións derivan as redes de sumidoiros.

Deste xeito, cun investimento de 47.512,17 euros financiado de xeito íntegro polas arcas municipais, o Concello de Paderne executou un proxecto que cristalizará nun evidente impulso ao saneamento do municipio. Algo que é preciso mentres non se poña en marcha a construción da futura Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) no Porto, o vello desexo na localidade e o un dos grandes obxectivos deste equipo de goberno, que traballa para arrincar de xeito definitivo esta aspiración.
“A nosa ambición é construír a depuradora e foi un tema que retomamos. Pero é un proxecto embrionario, que require tempo. E mentres tanto, non podemos estar de brazos cruzados”, apunta o alcalde de Paderne, Sergio Platas.

Neste sentido, o executivo local está pendente de reunirse coa Consellería de Infraestruturas, despois de trasladarlle a cuestión da titularidade dos terreos ao Goberno de España durante a visita a Paderne do delegado, Pedro Blanco, no pasado mes de decembro.